Estudantes de Mesía, Frades, Boimorto e Ordes participarán en visitas didácticas ao Centro de Interpretación de Brañas de Valga e á fábrica de Verea. O obxectivo da iniciativa é difundir e poñer en valor os recursos naturais da comarca desde un punto de vista ambiental, histórico e social.
Os centros educativos de CPI de Xanceda (Mesía), CPI de Pontecarreira (Frades), CPI Armando Cotarelo Valledor (Boimorto) e os CEIP Campomaior, Mesón do Vento e Alfonso D. Rodríguez Castelao (Ordes) participarán na campaña “EnTéllate”.
Unha iniciativa promovida por Verea e o Concello de Mesía para poñer en valor entre os máis novos os recursos naturais do medio rural, como é o caso da arxila, e a importancia da xestión sustentable.
EnTéllate, unha campaña para que os mozos ‘se decaten’
EnTéllate está dirixida a escolares de 6º de primaria e pretende promover o coñecemento sobre o medio rural a través de tres roteiros: BioEnTéllate, HistoriEnTéllate e RuriEnTéllate.
BioEnTéllate é un achegamento aos recursos naturais da contorna e o medio natural de As Brañas. HistoriEnTéllate aborda a evolución da historia da arxila en Galicia e a profesión dos cabaqueiros. RuriEnTéllate analiza sectores que son fundamentais para o rural e o seu impacto económico.
A primeira edición desta campaña, que se iniciará co curso escolar 2018-2019, inclúe visitas guiadas ao Centro de Interpretación Brañas de Valga en Mesía para dar a coñecer a historia da cerámica en Galicia, técnicas de elaboración e evolución da industria cerámica e un taller de barro.
Tamén realizarán unha visita a Verea, onde coñecerán a fabricación de tellas cerámicas. Alí poderán ver de preto como se traballa coa arxila nunha fabrica robotizada que realiza procesos industriais co menor impacto ambiental e que conta con varias certificacións de calidade e medio ambiente, comolos certificados Aenor de Calidade e Medio ISO 9001:2015 e ISO 14001:2015, o certificado que outorga o Regulamento Comunitario de Ecogestión e Ecoauditoría, EMAS, e o selo Calculo e Reduzo que outorga o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación pola redución de emisións de CO2.