A tella galega conquista Panamá

Mario Beramendi para La Voz de Galicia

Verea, unha empresa de Mesía, empezou a colocar a cuberta dun hotel de luxo nun edificio emblemático do distrito histórico da cidade de Panamá, unha obra que promove un investidor de Nueva York. Ese lugar foi o patio de recreo da élite militar, e o sitio no que Manuel Noriega e a clase alta panameña celebraban as súas festas. O selecto Club Unión, na zona vella, levaba xa décadas moi deteriorado. A vexetación e os entullos apoderáronse deste edificio centenario, con paredes espidas e alicerces á vista, coma se fose un cadáver en descomposición. As súas ruínas serviron mesmo como pano de fondo para a rodaxe de películas de James Bond.

Hoxe representa un dos grandes desafíos para a restauración dun distrito que a Unesco declarou patrimonio da humanidade en 1997. Paul Stallings, empresario neoiorquino, é quen lidera o proxecto para convertir ese edificio emblemático nun hotel de cinco estrelas. A empresa encargada da cuberta é Verea, ubicada en Mesía (A Coruña), e que fabrica 50 millóns de tellas ao ano. A firma galega traballa no país centroamericano cun distribuidor local. «A obra atópase agora á metade da súa execución», explica Luís Verea, director da compañía que fundou o seu pai fai agora máis de medio século.

Desde o pasado verán, Verea logrou introducirse en Panamá e tamén en outros cinco estados máus de EE.UU.: Texas, Luisiana, Misisipi, Alabama e Georgia, o que supón un paso na conquista dun xigantesco mercado, onde a tella galega é un produto apreciado e sinónimo de edificación de calidade. A empresa de Mesía xa lograra unha boa posición en Florida; de feito, o 60 % das unidades que se colocan en cubertas son fabricadas por Verea. Unha zona que non só demanda este produto para as edificacións e as vivendas de alto valor económico, senón para proxectos públicos, como escolas ou garderías.

Ao bordo do precipicio

Desde que puxo un pé en Florida no 2008, Verea non parou de medrar. Un desembarco que coincidiu co inicio da crise inmobiliaria en España, que esborrallou o mercado interno da construción, e que puxo este negocio ao bordo do precipicio. Como a moitas outras compañías, o salto ao exterior salvounos. Verea exporta xa máis da metade do que produce no municipio coruñés de Mesía. Pero ese éxito internacional débese á innovación e á fabricación dun produto de altísima calidade, recoñecido internacionalmente.

«Nos últimos anos, introducimos cambios á hora de producir; implantamos modernos procesos de cocción e secado que nos deron unha tella cerámica moito máis resistente aos cambios térmicos e físicos, e seleccionamos mellor as arxilas, procedentes de canteiras propias», explica Luís Verea, director xeral da compañía. «Agora cocemos as tellas a máis de mil graos, o que nos dá un produto que absorbe menos auga e que resiste moito mellor as xeadas e as baixas temperaturas», precisa.

Estas calidades son as que fixeron que a empresa de Mesía fose a elixida para colocar a cuberta do Hotel Four Seasons Disney de Orlando, entre outros proxectos. A firma galega desenvolve a súa actividade industrial nun complexo de 300.000 metros cadrados, onde emprega a sesenta traballadores. A conquista do mercado exterior permitiulle elevar a súa facturación ata os 10,3 millóns de euros.

Add Your Comment